A Real Filharmonía de Galicia interpretará en Pontevedra obras de Peter Sculthorpe e Jean Sibelius
Por Redacción
O vindeiro venres, día 6 de maio, ás 20:30 horas, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra e Afundación, Obra Social de Abanca, organizan un concerto que estará a cargo da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios, mentres que as persoas que non sendo socias e desexen asistir poderán adquirir as entradas a través de Ataquilla.com ou o mesmo día do concerto no vestíbulo do Auditorio unha hora antes do inicio do mesmo.
Baixo a dirección do seu titular, Paul Daniel, a formación compostelá ofrecerá o seguinte programa: Earth Cry, de Peter Sculthorpe; e Sinfonía nº 2 en Re maior, Op. 43, de Jean Sibelius.
A Real Filharmonía de Galicia inicia o seu camiño en Santiago de Compostela en 1996. Paul Daniel é, desde 2013, o seu director titular e artístico, posto no que o precederon Helmuth Rilling e Antoni Ros Marbà. Está formada por cincuenta músicos de dezasete nacionalidades diferentes. Con sede no Auditorio de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago, mantén unha tempada de abono estable. A longo da súa traxectoria acompañáronlle os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas do mundo. Realizou xiras e concertos en escenarios de Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal. Comprometida co territorio ao que presta servizo, actúa asiduamente por toda Galicia.
O recital do venres enmárcase no programa "Cultura por alimentos", promovido por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social Abanca, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, convida a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital cunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recolleitos no propio centro.
Relacionadas:
-
A Orquestra Sinfónica de Galicia abre a nova tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O musical "Romeo e Julieta" estréase esta fin de semana no Auditorio de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Orquestra Sinfónica de Galicia actúa este xoves en Pontevedra
Por Redacción |
-
Judith Jáuregui ofrecerá no Pazo da Cultura un recital con obras de Grieg, Brahms, Debussy, Granadeiros e Chopin
Por Redacción |
-
Concerto do grupo de música antiga La Guirlande no Liceo Casino dentro do programa da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |