'Nuncabunga' deixará os nenos pontevedreses sen palabras
Por Oskar Viéitez
Máis de 2.800 escolares de 47 colexios de Pontevedra e a súa comarca acoderán desde mañá martes e ata o vindeiro xoves 21 de novembro á representación da obra Nuncabunga da compañía Elefante Elegante Teatro.
Con estas funcións en Pontevedra, ás 10.00 e ás 12.00 horas no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia, a entidade inaugura as súas actividades escénicas e musicais para escolares programadas para este curso 2013-2014 na cidade, nas que se apuntaron en toda Galicia máis de 75.000 estudantes.
Tanto en Pontevedra coma no resto das cidades galegas, nas que se desenvolverá esta actividade, todas as prazas ofertadas se esgotaron, houbo case 94.000 solicitudes, e a fundación ampliou as representacións para poder atender a demanda na medida en que foi posible polo calendario.
Nuncabunga é un espectáculo cómico e poético sen palabras da compañía Elefante Elegante dedicado ao público familiar e infantil a partir dos tres anos.
A acción desenvólvese nun espazo que evoca a proximidade co mar. Alí vive unha persoa que nunha esquinita constrúe o seu fogar. Un día de tempestade aparece un estraño obxecto nunhas redes, como un lixo máis, daqueles que o mar expulsa. Non ten casa nin comida pero está decidido a quedar naquel lugar. Serán eles capaces de chegar a un acordo?.