O antigo conservatorio convertirase nun pioneiro laboratorio da creatividade
Como unha cidade creativa e moderna. Así quere posicionarse Pontevedra. Lévao facendo desde hai tempo, apostando por recuperar o espazo público como espazo de convivencia pero agora, segundo anunciou o alcalde, quérese dar un paso máis nesa dirección.
Farao impulsando un proxecto pioneiro que pretende converter o antigo conservatorio de música, situado na rúa Alfonso XIII, nun laboratorio da creatividade, que sirva como "escaparate" de iniciativas públicas e privadas en torno ao "ecosistema creativo pontevedrés".
Ademais, estableceranse sinerxias coas diferentes titulacións do campus universitario de Pontevedra, aproveitando a súa especialización como "Campus Crea", vinculado á arte, ao deseño, á creatividade, á comunicación, á saúde ou ao deporte.
A nova vida do histórico inmoble, que conta cunha superficie útil duns 1.500 metros cadrados, supoñerá a súa rehabilitación integral. Nela prevense investir 1,5 millóns de euros, que o Concello quere financiar na súa maior parte a través de fondos europeos.
O proxecto foi presentado ao programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (PIREP). No caso de acceder a estes fondos, que financiarían o 60% do seu custo como máximo, a obra deberá estar terminada antes de setembro de 2024.
O Concello asumiría esta actuación con fondos propios se non se atende a súa solicitude.
O antigo conservatorio cambiará por completo, tanto exterior como interiormente, para "dar acubillo", segundo destacou Miguel Anxo Fernández Lores, a toda a corrente artística e creativa da cidade e facelo "no sentido máis amplo", incluso abríndose á gastronomía.
O soto do edificio, que era onde estaba o vello auditorio, pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará as dependencias do Seminario Permanente de Jazz, mentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de "testeo" para iniciativas culturais.
As dúas primeiras plantas habilitaranse para unha aceleradora de economía social, unha especie de "incubadora", detallou o alcalde, na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos.
As plantas terceira, cuarta e quinta serán espazos para desenvolver talleres que, en principio, estarán relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, aínda que esta configuración podería modificarse en función das necesidades.
Unha residencia para creadores, con capacidade para unha ou dúas persoas, ocupará a sexta planta do conservatorio. A idea é que neles os artistas poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan certa contraprestación á propia cidade.
A baixo cuberta do edificio, actualmente con tellado, converterase nunha gran terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.
A rehabilitación do antigo conservatorio, cun proxecto que asina o estudo pontevedrés Proyectopía, permitirá que o edificio teña "moitísima máis luz", segundo destacou o arquitecto xefe municipal, Ángel Velando, corrixindo a súa "estética discutible".
Incorporará ao edificio os patios actuais e a súa fachada estará definida por estruturas que xogan cos volumes e con amplas cristaleiras, a modo de "grandes escaparates", reforzando a filosofía coa que se actuará para rehabilitar este edificio.
Relacionadas:
-
A primeira aceleradora de economía social de Galicia crearase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban a concesión de fondos europeos para reformar o antigo conservatorio e o edificio municipal de Churruchaos
Por Anxo Lourido |
-
Volve 'Jazz no Principal' con Abe Rábade e Paco Charlín para celebrar 20 anos de ciclo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Pazo e o Recinto queren ser unha 'illa enerxética' e autoabastecerse con renovables
Por Alejandro Espiño |
-
A rehabilitación do edificio de Churruchaos terá un orzamento de 1,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Volven a Pontevedra os cursos gratuítos para persoas desempregadas
Por Redacción |
-
Churruchaos, o seguinte edificio municipal que será rehabilitado
Por Alejandro Espiño |