Unha parella de pallasos celebrará cos nenos no Museo o Día do Medio Ambiente
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente cun espectáculo de clowns destinado ás crianzas de 4 a 12 anos que tratará sobre a reciclaxe e a conciencia ecolóxica.
A peza titúlase ‘Cartoons’ e correrá a cargo de Josito Porto e Víctor Mosqueira, que abordarán "a arte poética de converter os refugallos en bens de uso" e falarán das tres famosas ‘R’ do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.
A actuación terá lugar o domingo ás 12 da mañá no salón de actos no Museo con entrada libre ata completar cabida.
A historia a representar conta a vida de "dous tipos abandonados nas marxes, o que se chama vulgarmente náufragos, robinsones, persoas que perderon pé e teñen que aprender a facelo todo de novo, dende a cunca na que beber até o esmoquin que necesitan para acudir a unha gala. perderon todo e teñen que inventalo todo de novo: poden ser marxinais que viven na marxe da nosa sociedade e converten en luxo o noso lixo".
Todo isto parece un drama, mais non o é porque os que penetran e esculcan neses mundos son dous pallasos. A súa ollada inocente fará ver as cousas diferentes e ao se atopar coa inocencia crearanse mundos que antes non existían: "as crianzas verán o mundo como non o volverán ver e as e os adultos que os acompañen poderán descubrir algo novo tamén".
A intención é que as escenas descritas estimulen no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada. Tamén é un espectáculo vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia.