Música, baile, cinema e festa para iniciar xullo nunha Pontevedra "sen parada"
Por Redacción
No momento da presentación da Axenda de Verán deste 2022 xa se deixou claro que "Pontevedra non terá parada". Así o mes de xullo comezará na Boa Vila cunha apretada axenda cultural que dá boa conta desta mensaxe pronunciada pola concelleira de Festexos, Carme da Silva, e que se trasladará ao resto das vindeiras semanas.
O Ambienta chegará este venres á súa fin co acto de clausura ás 22 horas e coa proxección de até cinco curtametraxes na praza da Pedreira: Ensom Cowgirl, Son of Sodom, Victoria, Dustin e Marlon Brando.
Ademais, e co gallo da celebración Día Internacional do Orgullo —que será celebrada o sábado 2 de xullo— a contorna do Gafos acollerá diferentes actividades que van desde unha sesión vermú, a un ‘xantar colorido’, pasando por unha ‘sesión tardeo’ con diferentes picadiscos, obradoiros drag e de pintura e unha sesión de noite no mesmo parque con música.
Cómpre lembrar que tamén se celebrará este 2 de xullo a Manifestación Orgullo 2022: ‘Reivindicando a nosa memoria’, ás 20 horas, con saída da praza do Hospital Provincial.
Santa Clara, escenario privilexiado que este ano logrou un protagonismo absoluto dentro da cidade a través de conferencias, encontros, relatorios, concertos e proxeccións, volverá acoller vibracións acústicas e melódicas na súa antiga igrexa. O III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra será celebrado entre o 2 e o 3 de xullo, cos concertos de Rhea, o sábado ás 20 horas; e o Dúo Karolina, Mikołajczyk & Iwo Jedynecki, o domingo ás 20 horas.
Por último, na avenida de Montero Ríos e na Praza da Ferraría, serán desenvolvidas unha serie de citas coa danza e o baile como base e protagonista absoluta. Clases, exhibicións e festas de balde forman parte da programación de Baila Pontevedra, o II Festival Danzas do Mundo, organizado por diferentes artistas e escolas nacionais e internacionais. O evento ten programadas varias actividades entre o 1 e o 3 de xullo, de 16 horas a 22 horas en Montero Ríos o primeiro día; mais tamén na Ferraría os días restantes.
Relacionadas:
-
Zahara e Camela amenizarán as Festas da Peregrina os días 14 e 21 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Centos de persoas manifestan o seu Orgullo en Pontevedra: "Este día non é festa, é de loita e protesta"
Por Natalia Puga |
-
Ladilla Rusa, Marc Seguí, Son da Rúa e Dios Ke Te Crew levarán a música urbana a Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Unhas Festas de Verán nas que "non haberá parada" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Xacobeo organizará festivais en Pontevedra e Sanxenxo e unha gala musical en Marín
Por Alejandro Espiño |