As últimas 500 entradas para o concerto de Manu Chao en Cambados sairán á venda o día 19
Por Redacción
Este venres 19 de agosto sairán á venda as últimas 500 entradas para asistir ao concerto de Manu Chao en Cambados.
As dúas mil entradas que se ofrecían a través de ataquilla.com xa se esgotaron e este medio milleiro teranse que adquirir fisicamente no baixo do Pazo de Torrado, no número 10 da Rúa do Príncipe a partir das 19.00 horas deste venres 19. Desde o Concello de Cambados indican que non se poderán adquirir máis de catro entradas por persoa.
O concerto de Manu Chao celebrarase en formato acústico na Praza de Fefiñáns a partir das 23.00 horas do venres 26 de agosto nun recinto preparado para 2.500 persoas.
Neste caso, a actuación do comprometido artista será baixo a denominación de El Chapulín Solo e no escenario estará acompañado por Lucky Luciano á guitarra e por Miguel Rumbao á percusión.