Formato renovado e ampliado para un FICBUEU que exhibirá un centenar de curtametraxes
Por Alejandro Espiño
Máis dun centenar de curtametraxes integran a programación da décimo quinta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se celebrará neste municipio pontevedrés entre os días 11 e 24 de outubro.
O certame, integrado na marca Rías Baixas Film Fest, estreará este ano nova imaxe e unha nova estrutura para poder dar cabida ao incremento de filmes participantes, segundo explicaron este xoves os seus organizadores durante a presentación do festival.
As curtametraxes seleccionadas dividiranse en ata cinco apartados, entre eles a sección oficial, composta de 23 filmes chegados de Paquistán, Reino Unido, Chile, Nixeria, Canadá, Bélxica, Suíza, Cambodia, Portugal, Francia, Países Baixos, Brasil, Rumania, Kosovo, Serbia, Grecia, Singapura, China ou Estados Unidos.
A eles sumaranse cinco pezas nacionais que se exhibirán na sección España, dirixidas por Júlia de Paz, Mikel Gurrea, Salvador Sunyer, Andrea Herrera e Luís E. Pares; ou as catro do programa de Galicia R, ambas tamén competitivas, con proxectos de Lois Patiño, Eloy Domínguez, Ángel Santos e Lucía Estévez.
A programación complétase coas oito proxeccións da sección 'Descubertas', reservada para proxectos máis experimentais; ou a retrospectiva, que este ano estará dedicada aos anos 50 con curtas dirixidas por Carlos Saura, Manuel Summers, José Luis Borau e Julio Diamante.
O seu director, Manuel Pena, destacou a importancia que supón, tras dous anos de pandemia, recuperar o aforo completo nas proxeccións, coincidindo co aumento do festival a dúas semanas "para dar espazo e tempo" a todas as súas actividades.
"Buscamos un maior goce por parte do público cunha menor carga diaria, sen que iso repercuta na programación", segundo detallou Pena.
O FICBUEU 2022 estruturarase en tres bloques, reservando a súa primeira semana á proxección das curtametraxes e a segunda á celebración do MiniFIC, con sesións para familias e escolares, e das súas primeiras xornadas cinematográficas.
Estas últimas, indicou o director do festival "non estarán orientadas ás curtametraxes senón ao cinema en xeral", buscando ofrecer un espazo de análise e reflexión sobre a sétima arte con proxeccións, clases maxistrais, mesas redondas ou un encontro co director Oliver Laxe.
Esta nova edición do FICBUEU outorgará o Premio Cinema Gallego ao actor Miguel de Lira e contará con numerosas paralelas como coloquios, un mercado ou un concerto da banda Tulsa.
Na súa intervención durante a presentación do festival, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "poucos festivais de cinema teñen unha programación tan longa e de tanta calidade", ofrecendo pezas que "doutra forma non chegarían ao público".
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, engadiu que este evento "é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para gozar", mentres que o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, subliñou que "figura por méritos propios" entre os principais festivais cinematográficos de Galicia.
Relacionadas:
-
"Compromiso, calidade, autenticidade e moi bo facer", así define Carmela Silva a nova edición do Rias Baixas Film Fest
Por Álvaro Arosa Barco |
-
RADIO.- Coñecemos 'La entrega', unha das curtametraxes galegas preseleccionadas para os Goya 2023
Por Marisa Ciordia |
-
O FICBUEU 2022 baixa o pano tras completar o seu palmarés
Por Redacción |
-
A curta francesa 'L'enfant Salamandre', gañadora do FICBUEU 2022
Por Redacción |
-
RADIO.- Aqueles novos estudantes chamados García Berlanga, Carlos Saura, Víctor Erice, Imanol Uribe ou Pilar Miró
Por Marisa Ciordia |
-
Este venres comeza en Bueu a Ruta das Tapas Cinco Estrelas
Por Redacción |
-
O actor Miguel de Lira, Premio Cinema Galego do festival FICBUEU 2022
Por Redacción |
-
Un total de 15 curtametraxes son as finalistas da Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2022
Por Redacción |
-
Dúas semanas de cinema e actividades paralelas dan forma á programación do FICBueu
Por Redacción |
-
O FICBUEU recupera a vella normalidade nunha 15 edición con nova imaxe e estrutura
Por Redacción |