Ábrense as inscricións para a segunda edición de Historias Cavadas
Por Redacción
O programa cultural da Deputación de Pontevedra Historias Cavadas regresa neste mes de setembro, dentro da programación ConFiando Cultura.
Tralo éxito o pasado ano da primeira edición, Historias Cavadas desenvolverase desde o vindeiro día 9 ao 29 de setembro, con novas visitas escenificadas para escavar na memoria dos castros da provincia.
Este ano amplíanse as visitas a cinco xacementos doutros tantos concellos, con representacións dirixidas ao público familiar. De novo será Troula Animación o grupo encargado de darlle vida a estes espazos
As visitas escenificadas terán lugar no Castro de Castrolandín (Cuntis) os días 9 e 23 setembro (18.00h); o Castro dos Cubos (Monte Aloia, Tui) os días 16 e 17 setembro (18 e 12 horas respectivamente); o Castro do Monte do Facho (Cangas) os días 10 e 17 de setembro (19 horas); o Castro de Troña (Ponteareas) os días 25 e 29 setembro, (12 e 17 horas); e o Castro da Lanzada (Sanxenxo) os días 11 setembro (2 sesións: 12 e 17 horas).
As visitas serán accesibles e inclusivas. Dous personaxes, unha castrexa e un romano, comentarán a rica historia dos castros desde unha perspectiva cómica.
A Deputación duplicou este ano as prazas (serán 300), cun tope de 30 persoas por cada unha das sesións. As inscricións deben facerse no enderezo electrónico historiascavadas2022@gmail.com. Só se poderá reservar para unha visita e na solicitude indicarase o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas participantes (4 prazas como máximo) e un teléfono de contacto.