Hijos de la Ruina: "A nosa vida é o barrio. Se se te vai a cabeza é complicado facer cancións que toquen á xente"
Por Alejandro Espiño
Queda pouco para poder gozar en directo do último concerto de Hijos de la Ruina. Concretamente, apenas un par de días. O proxecto que comparten Gonzalo Cidre (Natos), Fernando Hisado (Waor) e Jorge Escorial (Recycled J) despídese este sábado dos escenarios.
Farao en Pontevedra, no marco do primeiro festival Río Verbena, que xa se prepara para unha cita que quedará na retina dos seus seguidores porque, como revela o primeiro deles nesta entrevista con PontevedraViva, se volven xuntarse algún día, será con algo diferente.
O seu terceiro traballo, Hijos de la Ruina vol. 3, é o disco de hip hop máis reproducido o día do seu lanzamento en España na historia das plataformas dixitais. Colgan o cartel de "non hai entradas" alá por onde pisan e os seus temas suman xa máis de mil millóns de reproducións. O seu éxito é innegable.
O de Pontevedra será o voso último concerto como Hijos de la Ruina, o que me imaxino que non só o fará especial para o público, senón tamén para vós mesmos, non?
Gonzalo (Natos): Así é. Con este concerto pechamos a minixira que fixemos. É a última oportunidade para quen non nos viu. Non sei se no futuro volveremos facer concertos como Hijos de la Ruina pero o que é 100% seguro é que non será un show como o que levamos agora.
Volvedes ademais ao norte que sempre vos tratou moi ben. Hai pouco actuáchedes en Vigo. Que lembras dese concerto?
Por sorte adotan tratarnos ben en todos lados, pero ao norte témoslle un agarimo especial. En Vigo estivemos en agosto, si. Viñeron máis de 20.000 persoas a vernos e o concerto foi espectacular. Houbo unha enerxía incrible. Temos moitas ganas de volver cara alá.
O feito de xirar xuntos por primeira vez, tras tres discos editados, enriqueceuvos o proxecto?
Eu creo que si. Nunca fixeramos concertos xuntos, a pesar de que levamos facendo música xuntos case desde que empezamos. Serviunos para aprender os uns dos outros e darlle un pouco de aire aos nosos proxectos particulares, Foi unha experiencia moi bonita.
Fernando e ti, como Natos e Waor, levades xa unha longa traxectoria xuntos. Como vos coñecestes?
Coñecémonos porque hai unha chea de anos facíanse batallas de galos nos parques e ambos participabamos nelas. Naquela época era moi difícil rapear e que alguén che fose a ver. Era unha oportunidade de ensinar do que eras capaz.
Desde o primeiro momento que coincidimos fixemos moi boas migas. Os dous somos un pouco do mesmo rollo. Eu xa pola miña conta facía música e el, máis ou menos por esa época, tamén estaba a empezar.
Ao escoitar a música que faciamos démonos conta que tiñamos unha visión bastante similar. Decidimos facer unha canción. Logo converteuse nunha maqueta, logo noutra. Empezamos a dar concertos, a gravar discos e ata hoxe.
Botades algo de menos deses primeiros anos?
Eramos moito máis novos (ri). Quizá eramos máis inocentes e con menos responsabilidade. Pero eu persoalmente estou moi contento co lugar que nos puxo a vida e non me cambiaría por ese rapaz.
E como chegou Jorge (Recycled J) a vós e, que vos achegou ao que xa faciades?
Jorge artisticamente é moi diferente a nós. El ten todo o que a nós nos falta. Ten unha voz moi bonita, nós non tanto. El canta moi ben. Achégalle frescura ao proxecto e máis dinamismo. Complementámonos moi ben. É como a terceira pata para este banco.
"A música urbana é a que está a soar nas radios e nas discotecas e o rap segue sendo o gran esquecido, a pesar de que soe nas rúas e que os concertos estean cheos"
Baixo o 'selo' Hijos de la Ruina tedes tres discos, gravados en tres épocas diferentes -con catro anos de distancia entre cada un deles-, iso marca o estilo destes álbums?
Evidentemente a etapa vital pola que estabamos a atravesar cada un variou bastante. Iso marca tanto o estilo como a temática que se trata en cada un deles. A pesar de que a esencia se mantén, en cada disco móstrase tanto a nosa evolución persoal como a musical ou a aprendizaxe que tivemos os catro anos que os separan.
Moitos vos sinalan como a voz dunha xeración, marcada por dúas grandes crises económicas que non puxeron as cousas demasiado fáciles. Sentídevos portavoces de todos eles?
A verdade é que si que me sinto dese xeito, aínda que tampouco é que sexa algo buscado. Simplemente hai unha chea de xente que, polo motivo que sexa, se sente moi identificada polas cousas que nós cantamos.
As vosas cancións caracterízanse por unhas letras crúas e sen filtros, abordando temas que preocupan na rúa. Que vos interesa máis agora mesmo?
Nós, desde que empezamos ata o día de hoxe, o que facemos é falar das nosas vidas e da vida da xente que temos ao redor, do que vemos. Se cadra ao cambiar a túa vida poden variar un pouco as letras, pero os temas de fondo adoitan ser unha constante.
A pesar do éxito innegable que conseguíchedes, seguides cos pés na rúa?
A nosa vida non cambiou polo feito de ter máis ou menos éxito. Seguímonos xuntando coa mesma xente e facemos os mesmos plans que hai dez anos. A miña idea é seguir facéndoo, non me vou a ir vivir a unha mansión nas montañas. Seguimos vivindo en Aluche, levamos un estilo de vida relativamente austero e de barrio e así seguirá sendo.
Esa é, quizá, o voso aceno de identidade e o que vos mantén tamén onde estades...
Si, imaxino que se se che vai a cabeza e vives desconectado a sociedade logo resultarache moito máis complicado facer cancións que lle toquen á xente. Vives outra cousa e non hai conexión.
O rap, nos últimos anos, adquiriu unha relevancia que xamais tivera en España. Crees que ocupa xa o lugar que se merece?
Iso de merecer é bastante relativo. Eu creo que está claro que goza de boa saúde, que está máis forte que nunca. Pero moitas veces adóitase meter dentro da música urbana e se confunde, porque para min iso engloba máis o reguetón ou as músicas próximas.
Ao rap méteselle aí de rebote cando creo que vai por camiños moi diferentes. A música urbana, entre comiñas, é a que está a soar nas radios e nas discotecas e o rap segue sendo o gran esquecido, a pesar de que soe nas rúas e que os concertos estean cheos.
O que si é verdade é que, cada vez máis, proxectos de música rap encabezan carteis de grandes festivais e enchen grandes recintos. Ata hai pouco era case impensable, non?
É moito máis frecuente, si. Raro é o festival no que non hai rap porque ao final os promotores o que queren é vender entradas e os grupos que o están facendo son os que son.
No voso caso, notades ese recoñecemento na rúa?
O recoñecemento da xente e o agarimo que nos dá todo o mundo cando nos cruzamos con eles, é innegable. Temos unha enorme sorte do público que temos, que é agarimoso e moi respectuoso. Sempre que teñen oportunidade fánnolo saber e nos enchen co seu amor.
"Dános un pouco igual que a industria nos tome en serio ou non. Impórtanos a xente que nos escoita"
E na industria musical tamén ou aí aínda falta camiño por percorrer?
A verdade é que me dá un pouco igual que a industria nos tome en serio ou non. Ao final ti podes esconder a cabeza na terra como un avestruz e facer que nada pasa, pero os datos están aí. O respecto e a seriedade coa que nos tomen dáme totalmente igual. Que a xente que nos escoita siga indo aos concertos é o que me importa.
Á parte desta xira con Hijos de la Ruina, Natos e Waor acaba de lanzar o seu cuarto disco, Luna llena. Estades contentos co resultado?
É un disco do que estamos tremendamente orgullosos. Fomos varios pasos máis aló no musical. Estamos moi contentos coas letras, porque transmiten moito e reflicte moi ben a época que pasamos. Despois o público é quen toma a decisión final, pero para min é o mellor disco que fixemos.
E de novo á estrada pronto, non?
Agora segundo acabemos este último show de Hijos de la Ruina, xa temos concertos. En outubro. Xa non paramos nin para coller carrerilla. Isto segue para adiante.
Relacionadas:
-
"Plena satisfacción" en Pontevedra polo éxito "rotundo" do festival Río Verbena
Por Alejandro Espiño |
-
A música urbana ecoa á beira do Lérez cun Río Verbena multitudinario
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Río Verbena quenta motores para encher o Parque de Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Ayax e Maikel Delacalle completan o cartel do primeiro festival Río Verbena
Por Alejandro Espiño |
-
Saen á venda as entradas para o Río Verbena Fest
Por Redacción |
-
Villano Antillano, Sila Lúa, Hijos de la Ruina e Thom Archi, primeiros artistas confirmados para o Río Verbena Fest
Por Manu Otero |
-
Así será Río Verbena, o festival que poñerá o broche de ouro ao verán pontevedrés
Por Alejandro Espiño |