Tres agrupacións participarán o domingo no Festival de Bandas de Barro
Por Redacción
Este domingo 9 de outubro celébrase en Barro a XXII edición do Festival de Bandas de Barro, tras dous anos sen poder celebrarse debido á pandemia. A cita está prevista ás 17.00 horas no Pavillón polideportivo do municipio.
A encargada de organizar este evento é, un ano máis, a Banda de Música xuvenil de Barro, que estará acompañada nesta ocasión pola Banda de Música de Lalín e pola Banda de Música cultural de Mondariz. A presentación correrá a cargo da comunicadora e produtora Belén Xestal. Desde a organización anuncian que durante o festival haberá sorpresas para o público.
A Banda de Música xuvenil de Barro nacía en decembro de 1992 para fomentar a cultura musical no municipio. En 22 anos suma un equipo estable de cincuenta instrumentistas do Concello de Barro e do resto da comarca.
Desde a Asociación Cultura e Xuventude de Barro, promotora da creación da Banda, tamén se impulsou a posta en marcha dunha escola de música para novos artistas, que despois pasan a formar parte da agrupación musical. Na actualidade, a formación conta con varios músicos profesionais e obtivo numerosos premios durante a súa ampla traxectoria.