Actividades gratuítas de teatro e proxeccións audiovisuais centrarán o outono cultural en Poio
Por Redacción
Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura, e a responsable de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Marga Caldas, presentaban este venres as propostas da Axenda Cultural de Outono en Poio.
Trátase de actividades para público de todas as idades de carácter gratuíto que contará con proxeccións audiovisuais, teatro, música, literatura e ciencia.
As citas iniciaranse o domingo 16 de outubro, ás 19.00 horas cunha representación do grupo teatral da Casa Rosada, Lúa Chea, formado por integrantes de diversas idades e que leva preto de vinte anos realizando representacións en toda a comarca.
O día 23, ás 19.00 horas, será a quenda de Teatro Os Quinquilláns co espectáculo 'A señora de Forcadela'. En novembro, o venres 4, ás 21.00 horas Ibuprofeno Teatro ofrecerá no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó a premiada montaxe 'O mel non caduca'. Estas dúas funcións forman parte de programas promovidos pola Deputación de Pontevedra.
Ademais realizaranse proxeccións dentro do Ciclo Mestre Mateo, que tamén difunde a Deputación Provincial, co filme 'Malencolía', dirixido por Alfonso Zarauza. Será o sábado 22 de outubro ás 21.00 horas no Centro Xaime Illa. Tamén se proxectarán outros documentais e películas o venres 18 de novembro e o sábado 3 de decembro.
Na Biblioteca Municipal de Campelo celebrarase o 24 de outubro unha sesión de contacuentos baixo o título 'Sopicontos' para público infantil. En novembro, mes da ciencia declarado pola UNESCO, estableceranse puntos de interese na sala para a divulgación científica abertos a toda a cidadanía.
O 30 de outubro, o Casal de Ferreirós será escenario da Xornada sobre Instrumentos Tradicionais O Son da Gaita, que promove a asociación cultural Pai da Cana.