O Arquivo Provincial celebra o Día das Bibliotecas cunha exposición das súas edicións de luxo
Por Redacción
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra vén de publicar na súa páxina web, co gallo do Día das Bibliotecas que se celebrará o vindeiro 24 de outubro, un proxecto expositivo dedicado ás edicións de luxo que, polo seu especial valor e beleza, ocupan un lugar destacado nas coleccións da inmensa maioría de bibliotecas e centros de documentación.
No caso do Arquivo provincial as obras que forman parte deste proxecto expositivo son o ‘Codex Calixtinus’, ‘Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos’, ‘Itinerarium’, ‘Elas’, ‘O humorismo gráfico de Castelao’, ‘Crónica Geral de Espanha de 1344’, ‘A cociña práctica’, ‘Sempre marzo’, ‘Notas viejas galicianas' e ‘La vida contemporánea: Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro’.
A estrutura da mostra consiste basicamente nunha breve información sobre o que son as edicións de luxo, un acceso individualizado á información máis importante dalgunhas das edicións existentes na biblioteca, unha galería de imaxes na que se pode apreciar a curiosidade e beleza deste tipo de obras e finalmente unha ligazón á información máis completa a través do rexistro bibliográfico. Estas pezas tan singulares están dispoñibles ao público na modalidade de consulta na sala da biblioteca do edificio do Arquivo (2º andar).
Segundo explica o responsable da Biblioteca provincial do Arquivo Ernesto Trabaz, tal e como se pode observar nalgunhas das principais fontes sobre a materia, as edicións de luxo adoitan compartir, en liñas xerais, unha serie de características comúns: teñen tiradas curtas e xeralmente numeradas, grande calidade dos materiais empregados na confección, unha esmerada presentación estética e pulcritude na tipografía.
As edicións de luxo que forman parte do fondo da biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico son fundamentalmente de dous tipos. O primeiro son as edicións facsimilares, que buscan facer unha reprodución o máis fiel posible de obras de destacada importancia tanto histórica como estética (‘Codex Calixtinus’); e libros con colaboración de artistas, xa sexa con obras de autoría orixinal ou recompiladas pola editorial (‘Elas’).
Paralelamente á posta en marcha da exposición virtual, o departamento da Biblioteca ten tamén publicada na súa correspondente sección da web o boletín de novidades no que se recollen as últimas incorporacións á colección da biblioteca.
En total están dispoñibles 63 novos títulos na modalidade de préstamo relacionados na súa práctica totalidade desde o punto de vista da súa autoría, edición ou temática co ámbito galego e nunha alta porcentaxe coa provincia de Pontevedra. Dos 63 novos títulos, máis dun 95 % (60) está en lingua galega, 37 pertencen a editoriais privadas e os outros 26 corresponden a asociacións ou institucións de carácter público.