Teatro, música e cinema centran a programación cultural de novembro en Vilagarcía
Por Redacción
A programación cultural de Vilagarcía de Arousa presenta este venres 4 ás 20.00 horas no Auditorio municipal o espectáculo teatral 'A voz humana', unha obra de Tatana Teatro cun só personaxe que mostra a dor do abandono. A venda de entradas xa está dispoñible a través do whatsapp 609.583.036 e, de non esgotarse, estará dispoñible no despacho de billetes do Auditorio a partir das 18.00 horas. O prezo para este espectáculo é de 12 euros, dos que cinco irán destinados a Proxecto Home Galicia.
Nesa mesma xornada, a Sala de conferencias do Auditorio acolle a presentación do libro 'Galeóns, vapores e motoras', de Manuel Gago "O Carreirán", a partir das 20.30 horas.
Os sábados 5, 12, 19 e 26 no mesmo recinto desenvolverase un taller de teatro denominado 'A Liberación'.
O día 5, o Auditorio e o Salón García acollerán o XIV Open McDonald de xadrez. Queen for Kids en concerto, coa recreación dos espectáculos históricos de Queen, será o punto atractivo durante a tarde, a partir das 18.00 horas no salón de actos do Auditorio.
O mércores 9 celebrarase unha sesión de cinema con 'Wanda', a cargo de Cinema Club Ádega no Salón García a partir das 21.00 horas.
O venres 11, o Auditorio presenta ás 20.00 horas a actuación da orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de José Trigueros e a interpretación de Pablo Amorós ao piano. A entrada será libre.
A compañía Xirriquiteula Teatre ofrecerá o sábado 12 ás 18.00 horas unha sesión infantil co espectáculo 'Laika' na que se narra a historia da cadela que orbitou ao redor da terra no Sputnik III en 1957.
Durante o venres 18, a Sociedade Filarmónica de Vilagarcía presenta o recital de cello e piano con Alban Gerhardt e Edith Pena, a partir das 20.30 horas no Auditorio. Lugar onde o martes 22 ás 19.00 horas ofrecerase o concerto de Santa Icía 2022 organizado polo Conservatorio Profesional e Escola Municipal de Música, con entrada libre.
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, o 25 de novembro, efectuarase unha lectura do manifesto insitucional fronte á fachada da Casa do concello ás 12.00 horas. Nesa mesma xornada, a partir das 20.00 horas, no salón de conferencias do Auditorio presentarase 'La conjura de la niebla', de Ángela Banzas. Tamén ese día, ás 21.00 horas, o Salón García será o espazo de proxección de '20th Century Women', a través do Cinema Club Ádega.
Xa o sábado 26 presentarase o libro 'Decir adiós no es olvidarte', de Yago Gómez Duro, ás 20.30 horas no Auditorio. Ás 21.00 horas no mesmo espazo ofrecerase o concerto de clausura XL Aniversario 'Fortuna Imperatrix Mundi' coa o Coro Liceo de Vilagarcía, Wind Ensemble Banda Unión Musical de Meaño e Charles Gounod-Gabriel Fauré. A venda de entradas iniciarase o venres 25 e continuará durante o sábado no despacho de billetes do Auditorio municipal.