Luis Zahera e Moncho Borrajo, humor para comezar o 2023 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O público pontevedrés terá dobre ración de humor para iniciar a tempada cultural de 2023. Será da man de dous cómicos galegos, cada un co seu propio estilo pero coa mesma retranca: Luís Zahera e o incombustible Moncho Borrajo.
O primeiro deles actuará o domingo 8 de xaneiro, a partir das sete da tarde, no auditorio de Afundación, a cuxo escenario se subirá cun espectáculo titulado Chungo.
Nel, o recoñecido e galardoado actor galego repasa a súa carreira.
É unha ocasión para gozar da súa faceta máis cómica, descubrindo un humorista repleto de "historias e histerias", todas elas en clave de humor da súa traxectoria profesional con innumerables anécdotas tanto da súa vida artística como persoal.
Unha semana despois, o domingo 15 de xaneiro, no mesmo escenario e á mesma hora, será a quenda de Moncho Borrajo que, unha vez máis, inicia o ano cunha nova xira cómica.
Nesta ocasión chega a Pontevedra para presentar en espectáculo 50+1, xusto os anos que o cómico galego leva de carreira artística.
Para celebralo, Borrajo preparou unha montaxe cos seus mellores textos, aínda que con material novo, que prometen facer que o público chore da risa.
As entradas para ambos os espectáculos están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Os '50+1' de Moncho Borrajo, risoterapia dominical para o público pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Traemos un 'Cara a cara' especial para o día dos Santos Inocentes
Por Marisa Ciordia |
-
A comedia de 'club y carretera' de Miguel Lago chegará en maio a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |