O escritor pontevedrés J. A. Angulo debuta coa novela 'Ecos perdidos'
Por Redacción
J. A. Angulo é un escritor pontevedrés, licenciado en Ciencias da Información na rama de Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Complutense de Madrid. Este ano publicou a súa primeira novela baixo o título 'Ecos perdidos', unha obra que toca diversos xéneros desde as aventuras á fantasía non máxica e a ciencia ficción pasando por intriga e ata terror.
O escenario deste primeiro traballo establécese nunha estación de tren que se atopa unida a unha enigmática cova situada na illa de Tenerife. Unha colección de personaxes variados móvense nun cambiante multiverso con numerosas subtramas.
A elaboración desta novela iniciouse no ano 2015, segundo relata o propio autor, como un proxecto de creación interactiva nun blogue. O autor redactaba un capítulo no que, ao final, pedía aos lectores que votasen sobre diferentes opcións para continuar a historia. Este proxecto inicial foi desenvolvéndose ata tomar independencia e converteuse nun proceso creativo literario ao uso cunha extensión de 418 páxinas.
'Ecos perdidos' emprega elementos reais ao longo da trama que fía este autor que se considera un lector ávido e creador de historias desde a súa infancia.
A obra é autopublicada e, polo momento, só se atopa dispoñible á venda en Amazon, en tapa branda e na súa versión en ebook.