30 anos de 'Ben Veñas, Maio', o certame que busca a promoción do galego entre a mocidade
Este 2023 cumple 30 anos a iniciativa que busca a promoción do galego entre o alumnado dos centros de secundaria e CIFP públicos de Pontevedra, 'Ben Veñas, Maio'. Trátase dun conxunto de certames en diversos ámbitos como a poesía, a narración curta, a fotografía, a banda deseñada ou a música.
As modalidades nas que se poderá participar son as seguintes: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, música, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía.
Este venres tivo lugar a súa presentación no Concello de Pontevedra e participaron Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, e Begoña Davila, profesora do IES Torrente Ballester e coordinadora deste proxecto.
O edil indicou que esta nova edición terá dúas novidades. No certame de Tik Tok e reels de Instagram reducirase a idade dos participantes aos 13 anos xa que, segundo puntualizou Oubiña, "é a idade na que maioritariamente participan nestas redes sociais". Ademais, no certame musical, unha mesma persoa poderá presentarse con diferentes bandas, a diferencia de edicións anteriores.
Davila asegurou que é moi importante a colaboración das institucións neste tipo de iniciativas xa que "hoxe en día a rapazada nunca falou tan pouco o galego".
Nesta edición retomaranse os obradoiros de apoio e incentivo á creación cultural con docencia pontevedresa. O edil puntualizou que serán "máis de 70 obradoiros". Do ámbito de vídeo encargarase Producciones Mutantes, no ámbito de fotografía organizará as actividades Paula Andrés un ano máis e os obradoiros de banda deseñada serán dirixidos por Kiko Dasilva e Zaida Novoa, profesores da academia de Pontevedra O Garaxe Hermético.
A gala de premios celebrarase no Pazo da Cultura o sábado 13 de maio ás 18:00 horas. Nos certames de Tik Tok e reels de Instagram, fotografía, banda deseñada, narración curta e curtametraxes os premios son de 150 euros para a persoa á que se lle asigne a primeira posición e 100 para a segunda, xunto cun lote de libros.
No certame musical os premios son de 450 euros e a posibilidade de actuar na próxima edición para os gañadores e 300 e 150 euros para a segunda e terceira bandas clasificadas respectivamente.
As bases de todos os certames pódense consultar na seguinte páxina web.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo para entregar as propostas creativas na nova edición do 'Ben Veñas Maio'
Por Anxo Lourido |
-
Ben Veñas Maio 2023 xa ten gañadores
Por Redacción |
-
Reels de Instagram e Tik Tok irrompen na convocatoria do certame 'Ben Veñas Maio' de 2022
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O certame 'Ben Veñas Maio' recoñece o bo facer en galego de alumnado de cinco institutos
Por Redacción |