Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, presenta 'A árbore que dá as lágrimas de Shiva' no Museo
Por Anxo Lourido
O martes 28, ás 19.00 horas, está prevista a presentación do último traballo do escritor Cesáreo Sanchez Iglesias, actual presidente da asociación de Estritoras e escritores en lingua galega (AELG). O acto está organizado pola asociación Maio Longo.
O autor presentará 'A árbore que dá as lágrimas de Shiva' (Ed. Xerais), acompañado pola escritora Miriam Ferradáns e por Xosé Abilleira, presidente de Maio Longo. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
Este traballo do escritor ourensán nace da desposesión. O poeta ofrece unha proposta na que se achega ás deusas que vencen, a través do coñecemento, o desastre da ignorancia.
Cesáreo Sánchez Iglesias publicaba en 1978 o seu primeiro poemario, que levaba por título 'Silencios e conversas de Inverno'. Ao longo da súa ampla traxectoria destacan traballos como 'O cántico da fonte' (1982); 'Mar do fin da terra' (1987); 'O rostro da terra' (1996); 'Evadne' (1999); 'O rumor do distante' (Premio Esquío en 2001) e 'O paraíso das sombras' (2009).