A Banda de Música de Pontevedra abre 2014 con 'As dúas beiras do Miño'
Por Redacción
Cúmprese o 110 aniversario da creación da Banda de Música de Pontevedra durante este ano 2014 e a agrupación quere realizar un amplo programa de concertos e actividades. A primeira será este venres 3 ás 21.00 horas no Teatro Principal. Trátase dun concerto que contará coas voces de dúas coñecidas solistas: a portuguesa Ana Laíns e a galega Rosa Cedrón.
A Banda de Música de Pontevedra estará dirixida por José Luís Represas Carrera e o espectáculo musical pretende ser unha conexión entre a cultura lusa e a galega.
As solistas que interpretarán diversos temas neste primeiro concerto da Banda en 2014 contan cun importante recoñecemento nos escenarios da Península. Ana Laíns é unha das máis destacadas cantantes portuguesas da actualidade con dous traballos discográficos publicados, mentres que Rosa Cedrón, intérprete de violoncelo, foi coñecida por ser tamén a voz durante nove anos do grupo Luar na Lubre e colaborou en discos de músicos de coñecida traxectoria como Mike Oldfield.