A primeira residencia formativa do FICBueu desenvolverase en outubro na illa de Ons

Por Redacción
Este luns foron presentadas as bases da I Residencia do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), un programa formativo que se desenvolverá en outubro na illa de Ons, aberto a catro creadores audiovisuais.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación deste proxecto que aposta polo acompañamento ás persoas participantes na residencia con titores profesionais que axudarán a fortalecer as propostas presentadas no momento da solicitude.
Para poder tomar parte neste proxecto, as persoas candidatas deben ter máis de 18 anos, residir en España e presentar un proxecto de curtametraxe cunha primeira versión de guión escrita.
López Abella puxo en valor que o programa priorice a rotura da fenda de xénero e xeracional, favorecendo a participación no proxecto de mulleres cineastas e de menores de 30 anos. Así, dous dos catro guións que resulten seleccionados para participar na residencia, deberán estar escritos por mulleres.
"Asegúrase a paridade de participación e se contribúe ao impulso dos traballos cinematográficos en feminino", indicou.
O director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou o "gran traballo que vén realizando a súa organización ao longo de todo o ano, non só para o desenvolvemento do propio festival, senón de todas as actividades asociadas que, como esta residencia, amplían o seu valor como creador de novos públicos para o cinema e como altofalante para os profesionais do sector".
Este novo programa ten a vocación de mostrar realidades de marcado carácter social, promovendo os valores da igualdade, e empoderando ás mulleres, así como para visibilizar a diversidade cultural e etnográfica con presenza de linguas, comunidades, territorios, persoas e temas diversos e inclusivos na oferta audiovisual.
O prazo de presentación das candidaturas a esta residencia, que se celebrará entre o 9 e o 15 de outubro deste ano, permanecerá aberto ata o próximo 15 de xuño.
Relacionadas:
-
As entradas para o FICBueu xa están á venda
Por Redacción |
-
Silvia Lobo, Manuel Monzón e Mihai Chirilov, xurado oficial do FICBUEU 2023
Por Redacción |
-
O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países
Por Redacción |
-
O certame 'Novos Valores' do Museo recibe 52 propostas
Por Redacción |
-
O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para os centros de ensino
Por Redacción |
-
'Cinema con perspectiva' levará obradoiros e curtametraxes a corenta centros educativos galegos