O compositor Francisco Landín Pazos pasa a mans da mocidade de Marín grazas a un cómic
Por Redacción
Francisco Landín Pazos foi un director e compositor internacional de música, coral e danza converténdose nun dos veciños máis importantes da historia cultural de Marín.
Agora a súa historia figura nun cómic que chegará aos centros educativos da vila en próximas datas. Así o anunciaba a alcaldesa María Ramallo durante a visita que realizaba ao IES Mestre Landín, ao que dá nome o compositor.
O goberno local quere poñer en valor a este artista e así era presentado este proxecto pola rexedora durante a súa visita no encontro que mantivo con estudantes de música e tecnoloxía.
O músico e divulgador Felipe Rea interpretou durante a visíta pezas do compositor e expuxo os datos biográficos máis interesantes de Landín. Naceu en 1910 e con dez anos iniciou os seus estudos musicais pasando a formar parte da Banda de Música dos exploradores e despois pasou a integrarse na Banda Municipal de Marín cando a formación só levaba un ano de traxectoria. Vinte anos máis tarde regresaría á agrupación xa como director.
Francisco Landín fundou o Coro 'Airiños Mareiros' cando tiña corenta anos, unha etapa que se recolle na súa peza 'Foliada de Marín'. Recibiu o premio do Centro Galego de Bos Aires pola súa obra 'De Pandeirada' e recibiu numerosas homenaxes e distincións por parte de colectivos como a Sociedade de Artesáns de Santiago de Compostela ou do Concello do Grove, municipio ao que dedicou unha alborada.
Foi un impulsor da música tradicional galega e entre as súas obras destacan a 'Fuga sobre tema galego', catro rapsodias galegas Cantigas túas e miñas; catro alboradas e a sinfonía en Do menor para a gran orquestra sinfónica.