Así é "Glass", o primeiro single da pontevedresa Helena Egea
Por Redacción
Un tema con ritmos de swing é a carta de presentación da artista pontevedresa Helena Egea. Así é Glass, o seu primeiro single, saído do seu proxecto musical de Sonemerxente, o programa de aceleración cultural da Fundación Paidea Galiza para impulsar o talento de novos artistas.
A súa é unha aposta musical onde a forza e a paixón da voz son as auténticas protagonistas, somerxendo ao público coas súas cancións nunha viaxe ao pasado que evoca a forza de mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Janis Joplin.
Na canción, combina un sedutor ritmo de swing que invita a bailar cunha letra que fala de introspección. Glass, segundo a artista, "é o concepto das distintas versións de nós mesmas vistas nos anacos dun espello roto; prismas que deforman a imaxe e dan distintas perspectivas".
"A historia, contada coma unha metáfora de amor e desamor, fala de cómo nos tratamos a nós mesmas de maneiras inxustas, de como a perspectiva muda de boa a mala nun segundo. Decimos que nos queremos, pero moitas veces actuamos de maneira contraria", engade Egea.
Todo isto narrado desde o punto de vista dos espectadores, observando esta continua dualidade dende fóra, e en primeira persoa.
O single chega producido por Juan de Dios, que fai deste xogo de perspectivas unha danza, e materialízase así tamén no videoclip que o acompaña, dirixido por Xaime Miranda.
O proxecto musical de Helena Egea naceu como solista e consolídase agora en formato banda.
Violinista e cantante, tras a súa experiencia en diferentes bandas e estilos xorde dela a necesidade de ter voz propia. Da rabia, a frustración e a paixón nacen as primeiras composicións de esta artista galega con referentes do jazz, soul, blues, folk e rock.
O seu repertorio está conformado por cancións principalmente en inglés e incorporacións en galego, con letras que falan de reflexións sociais, vivencias propias e historias evocadas con imaxes todo como medio de catarse e autodescubrimento.