"O home e o can" de Ángel de la Cruz poderá verse nos cines de Pontevedra
Por Redacción
Os cines de Vialia acollerán a partir do venres 20 de outubro a proxección da película O home e o can, producida por Ézaro Films e dirixida por Ángel de la Cruz.
O filme, rodado integramente en galego e en branco e negro, conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas.
A historia conectará cos espectadores a través da súa volta ás nosas orixes, a esa Galicia rural cada vez máis despoblada, onde a soidade non elixida asolágao ás veces todo, e na que o contraste coa Galicia urbana é cada vez máis acusado.
Manuel, sinala Manquiña, é un home sinxelo, natural e que ten dificultade de expresión. "Para acomodalo, tratei de simplificar a súa linguaxe ao máximo, buscando características físicas que eu identifico", explica, asegurando que se sentiu "cómodo no drama".
Ao seu lado, no seu primeiro papel en cinema, Paula Chaves abandonou unhas semanas a súa faceta na música para poñerse na pel de Paula, unha moza perdida, envolvida nunha procura que parece inalcanzable, que será clave para Manuel, do mesmo xeito que el o será para ela.
A película, antes de estrearse en salas, xa gañou trece galardoes, segundo o seu director, que levaba moito tempo imaxinando esta historia, que bebe directamente das fontes do neorrealismo, "ao que quería facer unha homenaxe e volver mostrar realidade, sen adornos".
Aos dous protagonistas do filme acompáñanlles ademais actores e actrices galegos da talla de Gonzalo Uriarte, Estíbaliz Veiga, Denis Gómez, Isabel Blanco, Víctor Fábregas ou Vicente Montoto.
Ademais, a banda sonora da película, composta e interpretada polo pianista e compositor musical ourensán Jaime Fernández Garrido, consta de seis pezas que aparecen ao longo da película, aínda que o seu tema central, Tan, Tan, está composto por Paula Chaves, o seu protagonista.