Oito filmes galegos recibirán axudas do programa "Pontevedra, plató de cinema"
Por Redacción
Oito filmes galegos contarán co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través do programa Pontevedra, plató de cinema. Serán catro longametraxes e outras catro curtametraxes que, no seu conxunto, recibirán unha axuda de 90.000 euros.
A contía máxima para longametraxes é de 25.000 euros, que son os que recibirá Castelao, unha película de ficción dirixida por Ángeles Huertas (O corpo aberto), que sumou a máxima puntuación da convocatoria ao tratarse dun proxecto singular.
Tras ela, a segunda máxima puntuación foi para Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, que recibirá 20.000 euros.
Pola súa banda, as longametraxes Entelequias, dirixida por Dario Autrán; e Illa, de Claudia Brenlla, beneficiaranse de 15.000 euros cada unha.
No caso das curtas, a contía máxima é de 3.500 euros que recibirán Arco da vella, dirixida por David Fidalgo; e tamén Curmán, de Alejandro Jato.
A cada unha das outras dúas curtas, Aquarium -dirixida por Margue Morello- e Un home que foxe -por Pablo Dopazo-, a institución provincial destinará 3.000 euros.
Para poder optar a esta liña de patrocinios, deben cumprir unha serie de requisitos, entre eles, que a rodaxe do filme, que debe comezar no 2023 e rematar antes do 30 de setembro de 2024, sexa exclusivamente en galego ou que a provincia de Pontevedra sexa o seu escenario principal.
Ademais é preciso presentar unha memoria explicativa do proxecto audiovisual, un orzamento da produción, un plan de publicidade, un plan de promoción da igualdade, así como a relación do equipo directivo, técnico e actoral, especificando a súa traxectoria e premios conseguidos.
Entre as películas que foron patrocinadas por Pontevedra, plató de cinema o pasado ano destaca O corno, dirixida por Jaione Camborda, recentemente galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, sendo a primeira película en galego na historia en conseguilo.
Xunto a ela, tamén se beneficiaron desta liña de subvencións A traxedia do Bou Eva e as curtas Morte e meu avó, Alicia fai cousas, Véxote e O son das abellas.