María, o nome máis común no cancioneiro, e a denominación das casas rurais na Xornada de Onomástica Galega
Por Redacción
O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle durante este sábado una nova xornada de Onomástica Galega centrada nos nomes propios e a cultura popular.
O encontro comezou ás 10:00 coa inauguración por parte do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora do Museo de Pontevedra, M. Ángeles Tilve; e a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón.
Precisamente Méndez, durante a súa intervención, explicou que "queremos abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar, fixando como eixe da xornada a expresión popular dos nomes transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia".
Pola súa banda, o presidente da RAG indicou que estas xornadas son "unha magnífica oportunidade para profundar na memoria da lingua e o seu vencello coa historia do país e dos seus habitantes xa que detrás dos nomes das cousas e das persoas está a historia de nós".
Neste senso, as intervencións de Domingo Blanco, Xosé Ramiro Cuba e Xosé Miranda, coautores de obras como o 'Dicionario dos seres míticos galegos' (1999), abordaron o significado do nome María e os seus hipocorísticos nas coplas, aparecendo en case o 50% delas.
No caso de Domingo Blanco, explicou máis a fondo os nomes de lugares, que tamén están moi presentes nas coplas populares e no que leva traballando dende comezos dos anos setenta. Moitas cantigas refírense ou teñen como escenario aldeas, vilas, comarcas, paraxes e cidades designadas cun nome concreto, un topónimo. Este tipo de coplas, de feito, teñen unha presenza relativamente alta e constante no conxunto dos cancioneiros de Galicia", valorou. "Na recolleita de Saco o número de cantigas cun ou máis topónimos é dunha de cada sete; na de Casal, unha de cada oito; e na de Pérez Ballesteros, case unha de cada seis", engadiu.
A sesión da mañá a pechou a antropóloga da Universidade de Santiago de Compostela Elena Freire Paz cunha achega sobre as denominacións da casa no mundo labrego, que nomea todos os membros da familia que a habita. Porque, a diferenza do que acontece no mundo urbano, no rural a pregunta identificadora por excelencia non é o "como te chamas?" senón o "de que casa es?" ou "de quen vés sendo?", que dá conta do "vínculo indisoluble entre a casa e os individuos" da cosmovisión do rural.
Moitos nomes da casa, transmitidos xeración tras xeración, son o nome propio ou o apelido dun dos seus antigos habitantes, pero tamén son comúns os adeallos. "Os alcumes poden presentar variacións entre aqueles simplemente descritivos ou, en moita menor medida, algún despectivo", explicou.
As xornadas rematan pola tarde coa intervención da cantora, improvisadora oral e docente Alba María, que comparte unha proposta didáctica centrada na celebración de obradoiros de creación de romances vinculados á toponimia ao abeiro das accións do colectivo de improvisación e poesía oral Erre que Erre.
"Xunto coa práctica poética, a onomástica, e nomeadamente a toponimia, supón a mellor aliada para coñecermos o valor do territorio e a mobilidade das persoas que iniciaron e transmitiron a poesía oral, así como para concienciarnos sobre o uso do galego como fonte e ferramenta útil", afirma a filóloga.
O broche de ouro ao encontro organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra e o propio museo púxoo a actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen dá Pontagra na voz e na percusión e Ariel Ninas na zanfona.