Andaina, concerto ilustrado e visitas escolares para lembrar o paso de Lorca por Pontevedra
Por Anxo Lourido
Chega a quinta edición da Semana Lorquiana ao Museo de Pontevedra con diversas actividades relacionadas á figura do poeta granadino Federico García Lorca e á súa vinculación coa cidade de Pontevedra.
A programación desenvolverase entre o martes 14 e o sábado 18 de novembro. O día 14 xa se iniciarán as visitas con contacontos, unha proposta concertada cos centros escolares que se estenderá ata o día 17 con sesións orais para escolares. Polo Correo do Vento ofrecerá narracións para o público infantil facendo referencia á presenza da obra do autor de 'Poeta en Nueva York' nos fondos do Museo pontevedrés.
O público adulto contará cun concerto ilustrado o mércores 15, a partir das 19.00 horas, no Edificio Castelao. Baixo o título 'Federico García Lorca, poeta galego' ofrécese un espectáculo narrativo, musical e con ilustracións sobre o tempo que o escritor pasou en Galicia. Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e tamén Polo Correo do Vento participarán nesta montaxe.
O sábado 18 de novembro desenvolverase a andaina pola cidade destinada a público adulto. Comezará ás 12.00 horas no Edificio Castelao e para participar nesta actividade gratuíta é preciso inscribirse no correo electrónico: polocorreodovento@hotmail.com
Lorca visitou Galicia en tres ocasións. Dúas destas estancias foron no ano 1932 e nas dúas ocasións pasou pola cidade de Pontevedra, nunha delas co grupo teatral La Barraca e, na outra, con responsables de revístaa Cristal exercendo de anfitrións.
O poeta referente da xeración do 27 creaba 'Seis poemas galegos' como consecuencia das súas viaxes e en Pontevedra escribía un soneto que se inicia co verso "Yo sé que mi perfil será tranquilo".
Relacionadas:
-
RADIO.- Polo Correo do Vento achéganos á "escritora co violino" que homenaxearán as Letras Galegas 2024
Por Redacción |
-
Rosalía e Lorca danse a man en Pontevedra na voz de Uxía e Javier Ruibal
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Charo López emociona no Pazo da Cultura poñendo voz a versos de Rosalía de Castro, Lorca e Machado
Por Anxo Lourido |
-
O Museo recordará cunha semana de actividades a visita de García Lorca a Pontevedra hai 90 anos
Por Redacción |