Culturgal repasará o audiovisual galego analizando os éxitos de 'O Corno' e 'Matria'
Por Redacción
A décimo sexta edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se desenvolverá do 1 ao 3 de decembro no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra ofrecerá unha programación con máis dun centenar de actividades entre as que se poderá asistir a actividades que recollen a actualidade do sector audiovisual en Galicia, que atravesa "anos dourados".
Desta forma, o Culturgal contará cun coloquio especial sobre a exitosa 'O Corno', coa presenza da directora Jaione Camborda e Anna Palazón, educadora perinatal que asistiu na conceptualización da película que gañaba a 71 edición do Festival de San Sebastián.
Neste encontro a "doula", termo no que se fai referencia ás persoas que axudan ás nais durante o embarazo, o parto, postparto e coidados posteriores, explicará detalles para que o público teña coñecementos sobre o proceso de documentación dun filme recoñecido polo realista retrato que ofrece sobre a maternidade.
Tamén se celebrará un coloquio sobre 'Matria coa presenza do director Álvaro Gago e de María Vázquez, a actriz protagonista. Ademais, a este encontro tamén acudirá Francis, a muller que inspira ao personaxe de Ramona.
Durante Culturgal vai proxectarse 'Honeymoon', último traballo de Enrique Otero, director da referencial 'Crebinsky'. A nova película trata a historia dun matrimonio en destrución que debe traer de volta a casa o corpo sen vida do seu fillo. Haberá un coloquio co produtor Adrián Pino.
A Asociación Galega de Produtoras Independentes tamén presentará seis filmes: 'As Neves', 'Filmei paxaros voando', 'La Parra', 'Da túa man para a miña', 'Cinema Paríso, Leiro' e 'Aurora'.
A Feira amosará obras de animación como 'El sueño de la sultana', relato feminista sobre un conto indio, e o público tamén terá a oportunidade de coñecer o proceso de realización dunha película de animación coa produtora María Varro Guntín.
Por último, Culturgal acollerá a presentación do documental 'La guerra de Miguel', unha coprodución con Líbano e Alemaña. Este traballo recolle a historia dun homosexual libanés que repasa os traumas que lle provocaron a súa fuxida a España. Este documental formou parte do programa Panorama da Berlinale.
Relacionadas:
-
Culturgal despide a súa edición de 2023 con máis de 10.000 visitantes
Por Redacción |
-
Leilía e un emotivo 'deica logo' a Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Culturgal desborda o Recinto Feiral mostrando a boa saúde da cultura galega
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal, a feira que "move os marcos" para seguir sendo a "casa común" da cultura galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Matria" estará nos Goya 2024: María Vázquez e o seu director, Álvaro Gago, entre os candidatos
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal 2023 acollerá máis de 200 actividades nunha feira expansiva e con perspectiva de futuro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Leilía ofrecerá un dos últimos concertos da súa xira de despedida no Culturgal 2023
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Máis de noventa actividades para un último cuadrimestre "frenético" no ámbito cultural
Por Alejandro Espiño |