Unha recollida de peluches e xoguetes completará o Memorial Manuel Luaces do Cisne
Por Diego Espiño
O Club Cisne quere que este venres 22 de decembro o Pavillón Municipal dos Deportes sexa unha festa do balonmán pontevedrés e galego coa celebración do XXX Memorial Manuel Luaces.
"Son xa 30 anos lembrando a Manuel, que o foi todo neste club", afirmaba na presentación do torneo o presidente cisneísta, Santiago Picallo.
A xornada contará ademais cunha vertente solidaria, e é que durante toda a tarde recolleranse peluches e xoguetes que serán entregados á Asociación Boa Vida.
A actividade deportiva comezará con partidos de categoría benxamín (16.15 horas) e alevín (17.15 horas), para logo vivir un encontro da Selección Galega Xuvenil fronte ao BM Poio Arati (18.15 horas) e finalmente o duelo entre o primeiro equipo do Cisne e a Selección Galega Absoluta (20.15 horas), que se reúne cinco anos despois.
"Van estar aquí os mellores xogadores que podían estar", explicou o seleccionador autonómico, o pontevedrés Víctor García 'Pillo' defendendo ante algunha ausencia importante que "hai que entender aos equipos que non queren ceder os seus xogadores".
Entre os que si estarán e regresan a casa está tamén Álex Chan, agora nas filas do San Pablo Burgos e que desexou na presentación "que sexa un partido para que a xente goce".
A entrada ao Pavillón Municipal dos Deportes será de balde.