Solvente triunfo do Arxil ante o Tenerife (79-46)
Por Redacción
O regreso das vacacións de Nadal non puido ser mellor para o Club Baloncesto Arxil, que se reencontrou co triunfo diante da súa afección e afronta o final da primeira volta nunha máis que notable posición.
Con todo, a pesar do que indica o resultado, o inicio non foi do todo pracenteiro para as xogadoras de Mayte Méndez e víronse obrigadas a remontar un parcial en contra de 1-7. Forster e Catarina Ribeiro entoáronse en tarefas defensivas e entre Nerea Liste e Trakchevska encargáronse de voltear o resultado.
E desde ese instante non todo foi carne sen ósos... Pero case. O Arxil, moi enchufado, lograba unha importante vantaxe no segundo cuarto e facía sufrir a un equipo tinerfeño que xa mostraba as súas debilidades (35-23).
Despois do descanso, as de Pontevedra non deron opción ao seu rival e, cunha soberbia actuación comandada por Liste en defensa, e Glomazic e Trakchevska en ataque, o triunfo xa estaba no peto (59-31).
No último cuarto, xa con todo a favor, o equipo local só tivo que administrar a renda para facerse coa vitoria. O marcador final de 79-46 permite ao Arxil seguir metendo presión na parte alta da clasificación.
Consulta as estatísticas nesta ligazón