Un circuíto "entretido, duro e moi dinámico" coa Copa Galicia Resistencia 3 horas en Vilagarcía
Por Almu Dapena
Vilagarcía acollerá o domingo 11 de febreiro una das cinco probas da terceira edición da Copa Galicia BTT 3 horas Resistencia coa que ademais pechará o calendario autonómico da modalidade e servirá para coroar aos campións Elite, Sub23, Júnior e Máster-30-40-50-60.
Organizada polo Club Ciclista Arousa Bike BTT, a proba terá un percorrido de seis quilómetros no Monte Xiabre, preto do encoro de Castroagudín, onde se desenvolverá un atractivo circuíto no que poderán competir ata 300 persoas de forma individual, en parellas masculinas, femininas, mixtas e cadetes e entre as que estarán o humorista David Amor, o triatleta Iván Raña e a ciclista Lara Lois.
A presentación da carreira celebrouse este venres na Deputación de Pontevedra coa presenza de David Janza, presidente do club, que admitiu estar con "moitas ganas e ilusión" de que chegue esta gran cita, que non será só deportiva senón que tamén terá o seu toque solidario e colaborará coa Fundación Andrea, que apoia aos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.
Neste sentido, Charo Barca, presidenta de Andrea, confesou estar "enormemente agradecida" por esta iniciativa, que "nos permite estar presentes para que se visibilice o traballo da Fundación".
Pola súa banda, Gustavo César Veloso, ex ciclista e padriño da proba, recoñeceu que o circuíto será "entretido, duro e moi dinámico, con partes onde haberá que forzar, outras para recuperar e outras para divertirse". A carreira será "moi vistosa e bonita" e afróntana con "moita ilusión, ganas de traballar e de facer as cousas o mellor posible" para convertela en "unha festa". Será "un evento para que goce todo o mundo".
Así mesmo, o concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira, aproveitou para subliñar a importancia de dar valor aos montes "sobre todo co turismo deportivo" e convidar "a todo o mundo" a participar, "que seguro que vai ser un espectáculo".
No acto de presentación da proba tamén tomaron a palabra Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Luis López, presidente da Deputación, e Daniel Benavides, delegado de deportes da Xunta, que valoraron a "solidariedade e o esforzo" que teñen este tipo de competicións.
A Copa Galicia BTT 3 horas Resistencia dará o pistoletazo de saída este domingo 14 de xaneiro en Lousame e continuará o 21 de xaneiro en Noia, o día 28 de xaneiro en Muros, o 4 de febreiro en Camariñas e finalizará en Vilagarcía do 11 de febreiro.
Relacionadas:
-
Febre polo BTT en Barro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Club Ciclista Armenteira e Punto, a 'pico e pa' para consolidar a súa nova escola deportiva
Por Redacción |
-
A Fracha recupera a súa competición de descenso BTT
Por Redacción |
-
Diego Alonso e Lara Lois triunfan na primeira proba da Transgalaica
Por Redacción |