As lesións seguen a castigar o Cisne: Carlos Pombo, K.O.
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Nin unha semana sen contratempos para o Club Cisne Balonmán, ao que parece terlle mirado un chosco coas lesións esta tempada.
Cando a súa enfermería parecía baleirarse por completo, coa volta ás canchas de homes importantes como Roney Franzini, Bruno Vázquez ou Alejandro Conde, outra das pezas máis usadas por Jabato na rotación, o lateral Carlos Pombo, caeu para unhas cantas semanas.
O primeira liña caeu lesionado o pasado martes 23 de xaneiro durante un adestramento, causando baixa no encontro da fin de semana fronte ao Novás, e agora o club confirmou o seu diagnóstico e non é especialmente positivo.
Pombo sofre "unha rotura no músculo semimembranoso esquerdo", polo que o seu regreso tardará aínda un tempo en producirse.
PARTE MÉDICO | Carlos Pombo sufriu unha lesión mentres adestraba o pasado martes. O parte médico indícanos que ten unha rotura no músculo semimembranoso esquerdo.
— Club Cisne Balonmano (@ClubCisneBalonm) January 29, 2024
Estamos contigo, Carlos! Moito ánimo! pic.twitter.com/TK8EJkQsGS
O lateral súmase así a unha enfermería na que tamén está o lesionado de longa duración Carlos Ocaña, recentemente operado do seu xeonllo.
Polo menos Jabato poderá contar desde esta semana coa recente incorporación do equipo, o central pontevedrés Víctor Fernández, cedido polo Ademar e que xa se exercita cos seus novos compañeiros apuntando á próxima xornada de liga, coa visita á pista do San Pablo Burgos.