FC Barcelona e Real Madrid estarán presentes no X Torneo Internacional Cidade de Vilagarcía
Por Redacción
O Pazo de Rubiáns acolleu este venres a presentación do X Torneo Internacional Cidade de Vilagarcía de fútbol benxamín, que volverá contar con algunhas das canteiras máis prestixiosas a nivel nacional e internacional.
Entre eses participantes, a competición organizada polo Arosa SC contará co Real Madrid e o Fútbol Club Barcelona, ademais de Real Club Celta, Real Club Deportivo, Athletic Club ou o Real Sporting de Gijón entre as canteiras nacionais.
Completan o cartel os portugueses Sporing de Portugal, FC Porto, SC Braga e Leixoes, xunto ao anfitrión Arosa, dous invitados aínda por desvelar e os equipos que se clasifiquen desde a fase previa, entre os que se inclúe unha selección de xogadores procedentes da mesma.
O X Torneo Cidade de Vilagarcía disputará a súa fase previa en plena Semana Santa, os días 28 e 29 de marzo, mentres que a fase final terá lugar no Campo de Fútbol Municipal Manuel Jiménez Abalo durante a primeira fin de semana do mes de xuño.