O seu triunfo en Turquía impulsa a Jéssica Bouzas ao posto 104 do ranking mundial
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Lourdes Domínguez xa ten herdeira. A tenista pontevedresa retirouse en 2016 con dous títulos WTA no seu palmarés e chegando a ser a número 40 do mundo. Agora, máis de sete anos despois do seu adeus, outra tenista galega está en disposición de asaltar un posto no Top-100 da clasificación mundial da WTA.
Trátase de Jéssica Bouzas, que co seu triunfo no WTA 125 de Antalya en Turquía (ningunha tenista da provincia desde Lourdes Domínguez en Bogotá 2011 vencía un torneo WTA) goza este luns 1 de abril da mellor clasificación de toda a súa carreira.
Aos seus 21 anos, a arousá deu un salto de 23 posicións para aparecer no posto 104 do ranking con 722 puntos, a só 14 dese Top-100 que pecha actualmente a francesa Varvara Gracheva.
"Hai 4 anos estaba a xogar os torneos 15k sen gañar un partido dicindo que nunca volvería xogar nas mesmas pistas nas que a día de hoxe acabo de gañar un WTA125… As voltas que dá a vida… Se a Jessi de 2020 puidese verme agora non llo crería", reflexionou Bouzas no seu perfil da rede social Threads tras o seu gran triunfo en Antalya.
Jéssica Bouzas é actualmente ademais a quinta mellor raqueta nacional tras Sara Sorribles (50 do ranking mundial), Cristina Bucsa (75), Paula Badosa (82) e Rebeka Masarova (91).