Melania Rodríguez apunta alto no Campionato de Europa de Guimaraes
Por Diego Espiño
A localidade portuguesa de Guimaraes acolle desde este mércores 3 e ata o vindeiro domingo 7 de abril o Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín, e alí atópase entre outros deportistas galegos Melania Rodríguez.
Dixerida a decepción que supuxo non lograr a clasificación olímpica na modalidade trampolín, que finalmente levou outra española como Noemí Romero, a deportista do Club Ximnasia Pontevedra volve á acción nunha gran competición internacional.
Fíxoo ademais debutando cun gran resultado na clasificación do dobre mini-tramp (DMT), disciplina non olímpica na que é a vixente campioa mundial.
Melania pasou á final de DMT coa mellor nota de todas as participantes, unha puntuación total de 51.300, estando prevista a loita polas medallas para a tarde do próximo domingo día 7.
A ximnasta pontevedresa está inscrita ademais na modalidade de trampolín, coa fase de clasificación este mesmo xoves e as finais tamén fixadas para o último día de competición.