![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/219/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664a63637b-20240519-saiz-pasaron-partido-pontevedra-cf-deportivo-aragon-026.jpg)
© Cristina Saiz
Dous partidos de sanción a Yago Iglesias, que non poderá dirixir o Pontevedra na eliminatoria polo ascenso
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Yago Iglesias non poderá sentar no banco para dirixir o Pontevedra Club de Fútbol na eliminatoria final polo ascenso fronte ao Betis Deportivo.
O Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol confirmou este mércores o castigo ao técnico granate pola súa expulsión no duelo fronte ao Deportivo Aragón.
Como vén sendo habitual no caso dos adestradores, a sanción imposta a Iglesias é de dous encontros de suspensión, polo que lle afectará tanto para o encontro do próximo domingo no Benito Villamarín como o decisivo do Estadio Municipal de Pasarón o domingo 2 de xuño.
Yago foi expulsado por unha dobre tarxeta amarela, a primeira no minuto 28 de xogo por "realizar observacións de carácter técnico a unha das miñas decisións" e a segunda, xa no minuto 69, "por saír da área técnica cos brazos no alto e protestando unha das miñas decisións", explicou o colexiado do partido na acta arbitral.
YELKO PINO, A UNHA TARXETA DA SANCIÓN
O Pontevedra afrontará ademais o duelo de ida da eliminatoria contra o Betis Deportivo cunha xogador clave en alerta amarela. Trátase de Yelko Pino.
O centrocampista granate é o único futbolista que foi amoestado nos dous partidos de play-off disputados, e de ver unha terceira tarxeta amarela en Sevilla converteríase en baixa para o choque decisivo de Pasarón. Salvo expulsión, ningún xogador máis do plantel atópase ameazado por esta circunstancia.