Colección de medallas para o taekwondo pontevedrés no Campionato de España
Por Redacción
O taekwondo pontevedrés protagonizou unha grande actuación no Campionato de España Absoluto celebrado este fin de semana en Cáceres.
Galicia, grazas ás dez medallas dos seus deportistas, finalizou na terceira posición por equipos en categoría feminina e na segunda na masculina e a clasificación xeral.
Entre os medallistas, a caldense Lúa Piñeiro colgouse o ouro en -67 quilos, defendendo así o título que lograra en 2013 tras impoñerse na final á castelá-manchega Sandra Lorenzo (7-3).
A presea máis agridoce foi a do taekwondista de Poio Xián Silva, prata en -74 con só 17 anos tras caer no último segundo ante Manuel Beloqui (7-6) nunha acción dubidosa e moi protestada pola delegación galega, que xa non contaba coa tarxeta para solicitar o video-replay.
Ademais o pontevedrés Borja Ríos foi prata en -58 tras perder na final ante o tamén galego Juan Fernández, a marinense Katia Calvar foi bronce en -62 quilos e o vilagarciano Francisco Padín tamén rematou terceiro na categoría de -68.
O resto das medallas galegas foron para Sabela López (prata), Lara Ouviña (bronce), Fernando Rascado (bronce) e Miguel Cobas (bronce).