Reválida teucrista na visita ao Municipal do Servigroup Benidorm
Por Diego Espiño
Importante partido para a Sociedad Deportiva Teucro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, onde este sábado (20:00 horas) recibe ao terceiro clasificado da División de Honra Prata, o Servigroup Benidorm.
Os azuis, despois duns meses irregulares a causa principalmente dos problemas físicos dos seus xogadores, necesitan un triunfo que lles permita reengancharse á loita polo play-off de ascenso, agora a catro puntos de distancia.
Os pupilos de Javier Barrios non perderon esta tempada ante o seu próximo rival, con triunfo en Copa do Rei e un empate en liga, pero os alacantinos chegan no seu mellor momento á cita, pelexando pola praza de ascenso directo que ocupa actualmente o Alcobendas.
O equipo teucrista puido incrementar esta semana o ritmo dos adestramentos, pero aínda non poderá contar con Juan Bar a pleno rendemento, aínda que o porteiro arxentino se encontra na fase final da súa recuperación.
No bando visitante, Fernando Latorre conta coa baixa de Cutanda, ademais da dúbida ata última hora do extremo Víctor Recio.
Os colexiados designados para este encontro son os galegos Martín García e Gardón Teixeira.