Un derbi para definir os obxectivos do Teucro na fase final da liga
Por Diego Espiño
Máis que dous puntos se poñen en xogo este sábado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (20:00 horas) coa visita do Balonmán Chapela.
Tras a súa boa imaxe pero derrota ante o Benidorm, un triunfo da Sociedad Deportiva Teucro no derbi permitiría aos de Javier Barrios reengancharse á loita polo play-off, unha vez superadas boa parte das lesións que lastraron os pontevedreses nos últimos meses.
Sen embargo, unha derrota dos azuis podería reducir o colchón de puntos que manexa coa zona de promoción pola permanencia, pois só cinco puntos separan ao conxunto teucrista do Torrelavega, primeiro equipo que tería que loitar por evitar o descenso.
Co recordo dos acontecido na primeira volta, onde o Chapela de Fran Teixeira se impuxo por un tanto nun choque tremendamente igualado, os xogadores do Teucro tratarán de recobrar a confianza perdida, ademais de que teñen que esquecérselle os problemas extradeportivos que arrastra a entidade.
Na parte positiva, o derbi podería supoñer a volta ás canchas do porteiro arxentino Juan Bar, no que sería o seu primeiro partido do ano tras pasar polo quirófano para solucionar os problemas que arrastraba nun xeonllo.
A parella arbitral designada para o encontro é a composta polos galegos Rodríguez Mondelo e Portela Fernández.