Buba causa baixa no Pontevedra durante dous meses para ser operado de menisco
Por Ramiro Espiño
Despois da habitual xornada de descanso do martes, o Pontevedra continuou o mércores os adestramentos, co fin de comezar a preparar o importante partido fronte ao conxunto de As Pontes, do próximo domingo. A sesión tivo como escenario o campo de Pasarón e nela participaron todos os compoñentes do equipo, que se exercitaron por espazo de case dúas horas, ademais dos xogadores máis novos, procedentes do xuvenil e filial, como Víctor. Emilio, Tomás, Edu e Javi Pazos, que veñen traballando de forma habitual co primeiro equipo.
A noticia negativa da xornada foi a confirmación de que o mozo dianteiro xuvenil, Buba, causará baixa a partir desta mesma semana para ser intervido dunha lesión de menisco. De feito apenas adestrou, limitándose a lixeiros exercicios físicos na banda. A lesión, non obstante non é recente; o propio Buba confirmaba a PontevedraViva que empezou a notar molestias xa na pretempada, pero que ao non remitir se decidiu que sexa operado e a quenda chegaralle o próximo venres.
Sen perder nunca o sorriso, Buba mostrábase optimista: "Agora é o xeonllo esquerdo, pero xa fun operado da dereita e todo saíu ben. Confío en poder volver xogar en dous meses, ou polo menos iso é o que me dixeron".
A baixa do dianteiro é un contratempo importante, pero máis mesmo que para o primeiro equipo, no que viña disputando tan só minutos, para o equipo de División de Honra xuvenil, que despois dun comezo titubeante conseguiu enlazar as súas dúas primeiras vitorias e loita por abandonar os postos de descenso.
Iago Paz e Pacheco seguen con molestias pero estarán dispoñibles
Con menor intensidade que os seus compañeiros traballaron Iago Paz, aínda non plenamente recuperado da lesión que lle impediu xogar en Ordes, e Pacheco, que acusa molestias nun nocello, realizando ambos os dous exercicios, baixo as instrucións da fisioterapueta, Nerea Videira. Non obstante en ambos os dous casos hai optimismo de cara a que poidan chegar a tempo para o domingo.
Como novidade na semana de traballo, o equipo realizará unha sesión máis das habituais, traballando tamén o sábado. Así, o plan deseñado por Milo Abelleira para os seus homes inclúe un novo ensaio en Pasarón o xoves pola tarde, en Príncipe Felipe o venres, tamén en horario verpertino, e o sábado pola mañá de novo en Pasarón.