Malia caer en Alicante (6-2) o Poio FS certifica a permanencia
Por Redacción
Poucas veces unha derrota terá sido tan doce. O Poio FS caeu derrotado na complicada pista do Universidade de Alicante por un claro 6-2, pero remata a xornada despois de conseguir de forma matemática a permanencia na máxima categoría do fútbol sala feminino, tras as derrotas de Soto del Real e Valdetires Ferrol, o que deixa ás de Marcio Santos con 13 puntos de vantaxe sobre os postos de descenso, cando restan tan só catro xornadas (12 puntos) por disputar.
Sen dúbida todo un éxito no debut do equipo de Poio entre as mellores escuadras do fútbol sala nacional, referendando o excelente traballo que vén realizando tanto o técnico brasileiro, coma as súas xogadoras e a xunta directiva que preside Juanjo García Camiño.
En canto ao partido de Alicante, a pesar do que reflicte o marcador, a primeira parte foi de clara cor local, mentres que a segunda sería máis nivelada. Curiosamente, ao descanso o marcador presentábase moi igualado, e sería na reanudación cando as alacantinas, que necesitaban gañar para manter as súas opcións a disputar a Copa da Raíña, lograsen ampliar a conta e asegurarse os puntos en disputa.
O equipo local de adiantaba pronto. Sería aos dous minutos de xogo, despois dunha gran xogada persoal de Andrea, que cedía a Pao para que anotase ao segundo pau o primeiro tanto. Ceci conseguía o empate aos quince minutos, cun disparo dende fóra da área, pero Andrea volvía dar vantaxe ao conxunto local pouco despois, para marchar ao descanso con vantaxe alicantina.
Intentou unha maior presión o Poio na segunda metade, pero de novo as locais conseguían marcar pronto, por medio de Pao, en xogada persoal. O partido parecía sentenciado, pero Claudia, tras un roubo de balón, reabría as esperanzas de puntuar para o seu equipo, no ecuador da segunda parte.
Pouco duraría de novo esa esperanza, xa que un remate dende fóra da área de Pao facía subir o 4-2 ao marcador e tranquilizaba ao conxunto local, que a partir de aquí non tivo problemas. Amelia, de novo nun lanzamento dende fóra da área anotaba o quinto e nos minutos finais Andrea, de penalti, pechaba a conta.
UNIVERSIDAD DE ALICANTE (6): Toñi; Fátima, Pao, Amelia, Andrea -cinco inicial-, Mónica, Kichy, Noelia e Txitxo.
POIO FS (2): Silvia; Charo, Claudia, Ceci, Elena -cinco inicial-, Paloma, Yoly, Kiko e Carmen.
Árbitros: Galindo e Muñoz (Alicante). Amoestaron o adestrador do Poio, Marcio Santos.
Goles: (1-0) Minuto Pao. (1-1) Minuto 15: Ceci. (2-1) Minuto 16: Andrea. (3-1) Minuto 21: Pao. (3-2) Minuto 28: Claudia. (4-2) Minuto 31: Pao. (5-2) Minuto 33: Amelia. (6-2) Minuto 39: Andrea, de penalti.
Incidencias: Pavillón Universitario (Alicante). Uns 350 espectadores.