Sergio Míguez cede terreo nas súas aspiracións á Copa España a falta dunha proba
Por Redacción
O ciclista do GD Supermercados Froiz, Sergio Míguez, deu un paso atrás nas súas aspiracións a alzarse coa vitoria na Copa España tras a disputa en Legazpi de la Clásica Santa Cruz-Santikutz Klasika, penúltima proba da Copa de España de ruta, tras a cal queda a 26 puntos do liderado a falta dunha proba, o Trofeo de Torredonjimeno que se celebra o próximo 18 de maio.
Adrián Alvarado (Bicicletas Rodríguez) foi o vencedor da proba, na que Sergio Míguez entrou no posto 26º, por detrás do actual líder da competición, Unai Intziarte (Gipuzkoa), que foi 14º.
Pero cos resultados habidos nesta penúltima carreira do calendario, na loita pola xeral metéronse de cheo o ruso Vadim Zhuralev (Lokomotiv), que foi segundo, Miguel Ángel Benito (Caixa Rural), que entrou na quinta posición, ambos os dous con 540 puntos, e Antton Ibarguren (Telco'm), que foi cuarto na liña de meta, sumando un punto menos (539) na xeral.
Desta forma, as espadas seguen en alto de cara á proba definitiva, a XXX Clásica de Torredonjimeno, o domingo 18 de maio na localidade jienense, con eses cinco homes nunha forquita de 26 puntos.
O último porto da xornada foi, como adoita ser habitual, o xuíz da proba. Ao pé deste presentábanse catorce escapados, pero cunha diferenza mínima sobre o grupo. Solé rompía as hostilidades na ascensión, para ser cazado por Alvarado, Canella, Zhuralev e posteriormente por Benito e Ibarguren, que serían os que se xogaran o triunfo en Legazpi.
Aínda que está difícil, xa que por diante ten aos seus catro rivais cunha desvantaxe de 26 puntos sobre o primeiro, as esperanzas do Super Froiz radican en que Sergio Míguez está aínda a tiro dese liderado a falta dunha proba que se adapta mellor ás súas características, e na que tratará de facer historia ao converterse no primeiro corredor do conxunto alimenticio gañador da Copa de España.