Oleiros supoñerá a volta da 'Marea Granate'
Por Diego Espiño
Lonxe queda aquela tempada na que a invasión do campo do Couto, con máis de 3.000 afeccionados pontevedreses, deu nome ao movemento da 'Marea Granate'.
Logo daquela cita chegaron desprazamentos masivos como Miranda de Ebro, Lorca, Sevilla, Xixón ou os máis recentes a Vitoria, Oviedo e Alcorcón, nos que a afección do Pontevedra percorreu boa parte da xeografía española.
Agora tras uns anos de letargo, malia a presenza en moitos dos partidos do seu equipo nas últimas tempada en Terceira, a ilusión por recuperar a categoría perdida parece facer revivir ese sentimento.
Si a Boiro ademais dos vehículos particulares acudiron dous autocares con seguidores lerezanos, en Oleiros, onde os granates xóganse o seu futuro o vindeiro domingo ante o Dorneda, a invasión será aínda maior.
A alta demanda de afeccionados anotándose á viaxe organizada (12 euros autobús e entrada) motivou que a Asociación de Peñas decidise aumentar a cinco o número de autocares previstos, grazas á colaboración do colectivo Acción Granate e de varias empresas da cidade, xa que os tres iniciais cubriron as prazas dispoñibles tras só dous días de inscricións, iniciándose xa a lista de seguidores para o cuarto autocar.
A presenza de pontevedreses no Condús será pois maioritaria nun campo que conta cun aforo reducido e que se tinguirá por completo de granate.
Todos os interesados en participar no desprazamento organizado poderán anotarse ata a tarde do venres na cafetería Blossom de cálea Marquesa de 18:00 a 20:30 horas.