Gómez Noya imponse en Yokohama e suma o seu terceiro triunfo consecutivo nas Series Mundiais
Por Diego Espiño
Tres de tres para Javier Gómez Noya no inicio das Series Mundiais de Tríatlon.
O galego comezou a tempada de xeito espectacular e en Yokohama (Xapón) volveu a subirse todo o máis alto do podio para consolidar o liderado e afastar aos seus principais rivais, os irmáns Brownlee.
Era a cuarta vez que Gómez Noya competía en Yokohama, cun terceiro posto e dous segundos no seu haber, pero esta vez todo saíu rodado para o actual campión do Mundo, que tirou de repertorio para impoñerse nun apertado sprint a outro español, Mario Mola, ambos cun tempo de 1:45.31.
O terceiro en discordia foi o sudafricano Richard Murray a máis de 30 segundos (1:46.00).
Noya realizou un bo sector de natación, saíndo no grupo de cabeza que se formou nos primeiros quilómetros do ciclismo con outros dos favoritos, como os dous irmáns Brownlee ou Dmitry Polyanskiy.
Por detrás viña outro grupo con Mario Mola, Fernando Alarza ou Murray, entre outros, a máis de 30 segundos. Pero ao contrario que nas primeiras citas das Series Mundiais, o ritmo dos perseguidores foi maior e terminaron por dar caza á cabeza antes de comezar o último e definitivo sector.
Nos 10 quilómetros a pé empezouse a aclarar o panorama cun cuarteto de cabeza formado polo galego, Mario Mola. Alister Brownlee e Richard Murray. Non estaba o segundo clasificado da xeral, Jonathan Brownlee, segundo nas dúas anteriores probas e que cedeu metros no inicio da carreira.
Alister descolgouse ao paso do quilómetro cinco, e tamén o fixo Murray deixando o triunfo nun man a man entre os dous españois.
Esta vitoria supón, ademais de ampliar a renda na xeral, que Gómez Noya acércase ao Mundial de Duatlón do Pontevedra do próximo 31 de maio, cita que coincide no calendario coas Series Mundiais en Londres, ás que tería que renunciar.
O triatleta ferrolano afincado na cidade de Lérez manda na clasificación con 2.400 puntos polos 2.066 de Jonathan Brownlee, quinto en Yokohama, e os 1.837 de Mario Mola.
Relacionadas:
-
Golpe de autoridade de Javi Gómez Noya, que logra en Chicago a súa cuarta vitoria nas Series Mundiais
Por Alejandro Espiño |
-
Javi Gómez Noya, sexto en Londres, mantén o liderado das Series Mundiais de tríatlon
Por Redacción |
-
Gómez Noya renuncia a competir no Mundial de Dúatlon de Pontevedra
Por Redacción |
-
Gómez Noya afiánzase no liderado das Series Mundiais tras gañar en Cidade do Cabo
Por Redacción |
-
Gómez Noya, máis preto de competir no Mundial de Dúatlon de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya arranca as Series Mundiais cun triunfo en Auckland
Por Redacción |