Poio lánzase a organizar unha carreira popular por San Xoán
Por Diego Espiño
O sábado 21 de xuño celebrarase en Poio a primeira carreira popular +8K San Xoán Gran Premio Centro Comercial A Barca.
Trátase dunha proba de oito quilómetros cun percorrido que bordea a costa do municipio dende o Parque da Memoria, onde estará instalada a saída, e o Centro Comercial A Barca, lugar de chegada.
A carreira principal, para deportistas sénior, veteráns, júnior e promesa, está fixada para as 20:00 horas, mentres as categoría inferiores, dende a idade chupete ata os xuvenís, contarán con carreira propia dende as 21:00 horas.
A inscrición, cun custo de 5 euros máis un de aluguer do chip de cronometraxe se non se conta con el, pódese realizar ata o día 17 de xuño no centro comercial ou a través da páxina web www.championchipnorte.com.
Pola súa banda as categorías inferiores poderán anotarse ata o mesmo día da proba, media hora antes do seu comezo.
Entre os servizos que se habilitarán para os deportistas, a organización poñerá á súa disposición un gardarroupa, duchas e servizo de gardaría.
Ademais todos os corredores que o desexen poderán colaborar cunha acción social entregando un produto alimenticio non perecedoiro no momento de recoller o seu dorsal.
Á presentación do evento acudiron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a edil de Deportes, Marga Caldas, ademais de Gabriel García como representante da empresa Carrefour e Juan Romero como organizador da carreira.