O Poio FS cadete feminino repite xesta e revalida o seu título de campión de España
Por Redacción
O equipo cadete feminino do Poio Fútbol Sala volveuno facer. Unha semana despois de que as infantís do club lograsen gañar o Campionato de España da súa categoría en Roldán (Murcia) revalidaron en Zaragoza o seu título nacional.
O conxunto vermello repetiu a xesta do pasado ano en Alcorcón tras impoñerse nunha apertada final ao equipo anfitrión, o Inter Sala Zaragoza (2-3).
O Poio comezou o partido definitivo por detrás no marcador, pero logrou a igualada antes do descanso.
Á volta de vestiarios lograron poñerse por diante e aínda que as aragonesas empataron, un gol a falta de 8 minutos desnivelou a balanza para as galegas certificando a defensa do título nacional.
As vermellas mostraron unha grande enteireza en todo o torneo, deixando no camiño ao San Juan Bosco na semifinal e ao FS San Bernabé en cuartos. Na fase inicial tamén lograron gañar o Leganés FS e ao Puertollano.
Este título sitúa o Poio Fútbol Sala como unha das canteiras de referencia no panorama estatal.