Xuven e Peixegalego avanzan na composición dos seus planteis
Por Redacción
A poucos días de que comece a pretempada, Club Xuventude Cambados e Marín Peixe Galego traballan intensamente nos despachos para configurar os seus equipos de cara a un novo curso na Liga Adecco Prata.
O que máis avanzado ten ese traballo é o conxunto cambadés, que contará un ano máis coa dirección de Yago Casal no banco.
Os amarelos anunciaron xa as renovacións de Juanchi Orellano, Lucas Vaquero, Taylor García, Emilio Oubiña e Alberto Rodríguez, ao que hai que sumar a fichaxe do ala-pívot congolés de 20 anos Charles Nkaloulou, procedente do Breogán lugués, e do pívot Placide Nakidjim, que chega dende o filial do Tuenti Movil Estudiantes.
No club do Pombal aínda se espera pechar polo menos tres incorporacións máis para afrontar con garantías a tempada.
Máis atrasado na confección do plantel encóntrase o Marín Peixe Galego. Javi Llorente mantense á fronte da nave 'peixe', que aposta este curso por unha maior participación dos xogadores formados na casa e que tan bo rendemento ofreceron na súa etapa cadete e júnior.
O equipo marinense deberá sobrepoñerse a baixas importantes como a de Aramburu ou Lucho Fernández. De momento confirmou a continuidade de Manu Ferreiro e do xamaicano Garfield Blair e tamén a fichaxe de Antonio Izquierdo, pero espera pechar máis renovacións e anunciar, antes do inicio da pretempada, varias incoporaciones que acheguen o salto de calidade necesario para pelexar pola permanencia na categoría de bronce do baloncesto nacional.