Calma tensa na volta ao traballo do Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
As dúbidas transmitidas polo Pontevedra Club de Fútbol nos dous últimos encontros de liga, con senllas derrotas en Ribadeo e ante o Deportivo B en Pasarón, estiveron moi presentes no primeiro adestramento da semana do equipo granate.
Manu Fernández afronta o momento máis complicado da súa traxectoria como técnico do primeiro plantel tras os pitos da bancada de Pasarón, pero móstrase convencido de reverter esta situación.
Preguntado sobre a súa continuidade no posto, Fernández agradeceu os "mensajes de ánimo, de tranquilidad" que lle enviou o conselleiro responsable da parcela deportiva, Roberto Feáns, tras o encontro do domingo, mensaxes "de que esto tiene que mejorar, lo que sabemos todos que tiene que mejorar, que hay que reconducir el asunto pero animándome y tranquilizándome, lo que es un detalle", declarou o técnico ao termo da primeira sesión da semana.
Na Xunqueira as caras serias de xogadores e corpo técnico recordaban o vivido este domingo, así como os movementos dun Manu Fernández que intentou animar os seus.
Primeiro, ao inicio da sesión, reuniu a todos os futbolistas durante case 15 minutos para transmitilos, segundo as súas palabras, "que son errores que no podemos cometer", en relación aos fallos que propiciaron os goles do filial deportivista.
Con todo o preparador granate queda tamén con que "hubo 20 minutos muy buenos en los que el rival no salió de su área, lo que pasa es que nos falta un poco de continuidad, de no cometer un errror y estar luego 10 minutos descolocados", recoñeceu ante os medios de comunicación presentes.
Tras a reunión de grupo Fernández aproveitou tamén para coñecer algunhas impresións de xogadores, como Fran Fandiño, Campillo, Pedro García ou Centrón, cos que charlou durante varios minutos de xeito individual.
CARNERO E TUBO EVOLUCIONAN POSITIVAMENTE
Por outra parte Carnero e Tubo continúan recuperándose dos seus problemas físicos. No caso do primeiro xa adéstrase co resto do grupo a pesar de sentir aínda algunha molestia na pube, mentres Tubo segue realizando carreira continua pero con sensacións positivas tras iniciar un tratamento conservador que pretende evitar o seu paso polo quirófano para solucionar a hernia discal que padece.