Permanencia asegurada para un Setga Monte Porreiro que non se pon teito
Por Redacción
O Setga Monte Porreiro non se pon teito. O equipo feminino do club pontevedrés consolidou o pasado fin de semana a súa terceira praza na clasificación da División de Honra e o que é máis importante, asegurou a permanencia un ano máis na categoría, principal obxectivo.
Agora queda por diante un tramo final de liga regular no que se marcan unha nova meta, xogar o play-off de ascenso á Superdivisión, algo que lograrían se manteñen a súa posición actual.
Agora mesmo, con 18 puntos, o Monte Porreiro está empatado co cuarto clasificado, o Oroso, e conta con dous puntos de vantaxe sobre o Gasteiz malia disputar un encontro menos que ambos.
Ás pontevedresas réstanlle aínda cinco encontro para finalizar a súa andaina na liga regular.
A permanencia quedou matematicamente asegurada a pasada fin de semana tras sumar un claro triunfo a domicilio ante o Auotescola Tatchepol Ripollet (5-1).
O choque abriuno Ana Pérez cunha vitoria ante Berta López (3-0), ao que seguiu un triunfo máis apurado de Victoria Cadilla sobre Julia López (3-2) e outro de Elísabet Cadilla ante Lidia Pico (3-1)
Co 3-0 no tenteo parcial o Monte Porreiro sufriu a súa única derrota, a de Victoria Cadilla ante Berta Lóez, sentenciando despois Ana Pérez e Elísabet co cuarto e quinto punto.
A próxima xornada para as pontevedresas disputarase o 1 de marzo, tamén fóra da casa, ante o Oroso.