O Pontevedra Rugby Club empata en Ourense e evita o descenso directo
Por Redacción
O triunfo o sábado do Muralla ante o Vigo Rugby B obrigaba ao Pontevedra Rugby Club a puntuar no seu último encontro de liga regular en Ourense se quería esquivar a queima do descenso directo á Segunda Territorial Galega.
Os de Chamy Doval dependían de si mesmos, pero debían enfrontarse a domicilio ao terceiro clasificado, o Campus Ourense, nun partido de alta tensión e máxima igualdade.
Non o puxo nada doado o conxunto local ante un PRC que se baleirou para rematar empatando a 17 e sumar dous puntos que o fan superar o Vigo B na táboa.
Desta forma os pontevedreses eluden o descenso directo, pero deberán xogarse o seu futuro na categoría na promoción pola permanencia ante o subcampión da Segunda Territorial, que podería ser Fendestas de As Pontes ou Zalaeta de Arteixo.
O triunfo do Muralla de Lugo por un lado impedía ao PRC salvarse directamente e ademais provocou que o Mareantes, que descansaba esta xornada, perdese o seu cuarto lugar e con iso o dereito a xogar o play-off polo título.