Estudiantes e Arxil únense para disputar o "I Torneo de la Igualdad"
Por Diego Espiño
Unir lazos entre os dous clubes de baloncesto de Pontevedra en busca de potenciar este deporte e lanzar ademais unha mensaxe de igualdade, é o obxectivo do "I torneo da Igualdade", unha xornada deportiva, non competitiva, que organizan o Estudiantes Pontevedra e o Arxil nos pavillóns Universitario e A Xunqueira I.
A cita, este xoves día 27 desde as 16:00 horas, enfrontará en partidos amistosos arbitrados polos propios organizadores, aos diferentes equipos de Estudiantes e Arxil, "trátase de establecer puntos en común entre nenas e nenos. Conxuntamente podemos facer máis forza e pode ser positivo", recoñece a adestradora Mayte Méndez.
Nesta liña, o concelleiro de deportes, Agustín Fernández, quixo abrir o debate dunha posible fusión entre as dúas entidades, "igual o roce fai o cariño, xa tivemos a experiencia da fusión dos dous equipos masculinos", aínda que esta posibilidade, polo momento, foi descartada polos representantes de Arxil e Estudiantes.