O "espectáculo dos porteos e a competición" chega a Pontevedra co Nacional de Piragüismo-Maratón
Por Diego Espiño
O tramo urbano do Río Lérez converterase esta fin de semana nun grande escenario deportivo coa disputa do Campionato de España de Piragüismo Maratón.
Chega á cidade o "espectáculo dos porteos e da competición", segundo resume o presidente da Federación Galega Alfredo Bea, e faino como importante test organizativo para o Campionato de Europa que Pontevedra acollerá en 2016.
Un total de 127 clubs estarán presentes na competición, dividida en xornada de sábado e domingo, con preto de 780 padexeiros inscritos.
Entre eles destacan As Torres de Catoria e a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, clubs con máis deportistas inscritos e aspirantes ao podio final.
Estarán todos os especialistas de maratón, en busca da clasificación para o próximo Europeo e Mundial. Entre eles non faltarán Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos ou Álvaro Fernández Fiuza, entre outros.
A zona de saída estará situada xunto á ponte dos Tirantes, lugar onde se situará ademais o porteo fronte aos terreos de Tafisa nun percorrido que varía de lonxitude en función da categoría (cadete, júnior, sub-23, sénior ou veteranos) pero que chega ata os case 30 quilómetros na absoluta.
O Campionato de España arrancará ás 9:00 horas do sábado cun primeiro día que se prolongará ata preto das 20:00 horas con protagonismo dos barcos individuais. Para o domingo 17 de maio, tamén dende as 9:00 e en horario de mañá, será a quenda das embarcacións dobres.
A presentación do evento, celebrada no Concello de Pontevedra coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, serviu ademais de escenario para a firma do convenio de colaboración polo que o goberno local achega 15.000 euros ao ente federativo para a organización de tres eventos na cidade: o Nacional de Maratón, o Campionato de España de Augas Tranquilas e a Copa de España de 200 e 500 metros.
Relacionadas:
-
Óscar Graña e Ramón Ferro, campións de España en Pontevedra e praza para Europeo e Mundial
Por Redacción |
-
Pontevedra goza co piragüismo maratón na primeira xornada do Campionato de España
Por Daniel Santomé |
-
Restricións de tráfico polo Correlingua e o Campionato de España de Piragüismo
Por Oskar Viéitez |
-
Primeiros pasos na organización do Europeo de Piragüismo Maratón de 2016
Por Diego Espiño |